Foto principal mural Mar de lenda

Mar de Lenda

Derrubando muros con pintura 2015

Serpentes mariñas, sereas ou ameazantes polbos xigantes son algúns dos seres mitolóxicos que habitan no mural da artista italiano-galega, Rachele Cavallo, nun dos muros do patio do CEIP Bergantiños.
Este gran mural horizontal representa un entorno mariño onde se suceden distintas escenas baseadas na mitoloxía celta: en primeiro lugar aparece unha serpe mariña que xorde do mar amosando a súa maxestosidade; en segundo, aparece o Kraken, un polbo xigante que segundo a mitoloxía lanzábase ao ataque de embarcacións golpeándoas e envolvéndoas cos seus tentáculos mentres as arrastraba ás súas fauces; e por último, aparece unha serea chamada “Mariña”, lenda que pertence concretamente á zona das Rías Baixas e que está relacionada coa festa de San Xoán.
As figuras teñen formas suaves e redondeadas para darlle un aspecto máis delicado, xa que ao estar destinado a un público infantil o resultado tiña que ser o máis sobrio posible, asegura a artista. Así mesmo, as cores utilizadas intentan crear un ambiente alegre e enérxico. Trátase dunha paisaxe de acantilados que lembran o litoral entre Razo e Malpica, e na que destaca un dos momentos máis fermosos e de gran beleza do día en Razo: o solpor.

TLFNO: 981 702 077     MÓBIL: 698 156 402     MAIL: turismo@carballo.gal

Share This